NON MERQUES. ADOPTA. ESTERILIZA.

NON MERQUES. ADOPTA. ESTERILIZA.

Adela e Chusca.

Adela ten unha cadeliña, a Chusca, á que quere moito. Cóidaa ben e dalle moito agarimo. Mais Adela é das que pensan que non ten sentido esterilizar, porque non é natural. Así que un día, por un descoido, mentres a Chusca está co celo, foxe e aparéase cun can da rúa. E o resultado é un embarazo e 4 cadeliños preciosos. Adela fala coas amigas, coas veciñas, pon anuncios no supermercado, en internet… Regálanse canciños, tamaño mediano.

Sonia e Marta.

Sonia hai pouco que perdeu ao seu mellor amigo, un podequiño chamado Lolo. Agora, unha vez pasada a tristura inicial, sabe que sempre o lembrará, e está buscando outro amigo para compartir a súa vida. Contactou coa protectora onde colabora Marta e enviáronlle varias fotos de cans moi lindos e tamén lle falaron de varios cans da canceira local, onde se acumulan moitísimos casos de animais que son recollidos das rúas do municipio.

Chicha.

Chicha é unha das fillas da Chusca. É pequerrecha e rebuldeira, moi xogantina e cariñosa.

Adela falou coa súa amiga Lola e contoulle que ten catro criaturas para dar, e que non dá atopado casa para elas. Lola cóntalle que a súa filla Sonia anda buscando un can e dalle o seu teléfono. Adela chámaa e quedan para que coñeza os pequechos. Namórase de Chicha e decide quedar con ela.

Cando uns días despois Marta volve contactar con Sonia para preguntarlle se xa decidira que can quería adoptar, Sonia cóntalle que xa ten unha cadeliña que lle regalaron.

Marta queda moi decepcionada.

Tobi.

Tobi é outro dos fillos da Chusca. Bonito e simpático, Adela consegue que llo recollan uns veciños. Durante un tempo, mentres Tobi é cachorro, o fillo dos veciños xoga con el e pásano moi ben xuntos. Tobi é feliz. Pero un día os veciños de Adela marchan de vacacións e non teñen con quen deixar a Tobi, así que deciden deixalo no monte. É un can, pensan, seguro que sabe valerse ben. E alí queda, chorando pola súa familia e cun futuro incerto.

 

Esta historia repítese, por desgraza, moi frecuentemente, practicamente a diario.

Nesta historia, Chusca é unha cadeliña ben coidada e querida. E seguramente o será ata que morra. Tamén Chicha ha de ter sorte, será mimada e terá unha boa vida. Mais… que pasa con Tobi? Que pasa cos outros irmáns de Chicha e Tobi? Onde acabarán? E o can da protectora ou da canceira que ía ser adoptado por Sonia? Que será del? E se Sonia tampouco esteriliza a Chicha, veremos un día como volve haber outra camada que se “regala”? Aparecerá Tobi un día atropelado nunha estrada calquera? E que pasará con Chusca? Volverá empreñar outro día e aparecerá con outra camada?

Por cada animal que nace en camadas indesexadas por persoas que prefiren non esterilizar hai centos nas canceiras ou abandonados nas rúas, agardando unha vida mellor, un fogar onde poidan ser tratados con cariño e un pouquiño de atención.

Cada vez que alguén “agasalla” un animal está contribuíndo a que continúen acumulándose cans nas canceiras e a que aparezan outros atropelados nas estradas ou enfermos, ou a que morran de fame. Porque o fogar onde acaba un animal “agasallado” podería ter sido un fogar de adopción para algún rueiro. E porque, quen sabe, quizais ese animal “agasallado” acabe tendo tamén camadas se non é esterilizado. Ou pode que acabe abandonado como Tobi.

Esterilizar non só e beneficioso para a sociedade en xeral, tamén o é para o animal en particular, posto que se evitan enfermidades tais como tumores mamarios, e tamén se evitan as pelexas e fuxidas que se producen durante o celo.

Non contribúas a que sigan aumentando o número de animais nas canceiras. Non contribúas a que siga habendo animais abandonados malvivindo nas rúas e montes.

Non merques. Adopta. Esteriliza.