5 pasos a seguir se perdes o teu gato ou gata:
1. Busca na casa
Non perdas a calma, aínda que non sexa fácil. É máis habitual do que parece dar por perdido un gato que está escondido na propia casa (debaixo da cama ou nun armario, nalgún agocho que non vemos a primeira vista). Antes de perder os nervios e lanzarse a buscar fóra, revisa cada recuncho da casa, facendo ruído coa bolsa das súas golosinas ou comida favorita.
Só cando estamos na certeza de que non está na casa, empezaremos a buscar fóra.
2. Busca pola zona
Se está perdido fóra do seu territorio habitual, o gato estará asustado. E hai moitas posibilidades de que estea agochado. Está fóra da súa casa, do que coñece, e non sabe moi ben que facer nin como volver. Esconderase nalgún oco dalgún edificio, nalgún garaxe, ou nalgún parque ou zona de matogueira próxima.
Normalmente non miañará, inda que o chames, porque o seu instinto lle di que pode atraer perigos. Así que estará escondido e en silencio. Por iso, para buscalo, o mellor é:
- Empezar canto antes, facendo unha primeira busca, intentando localizar zonas nas que puidera terse agachado (ocos ou entradas nos edificios ou garaxes, zonas verdes ou espazos abertos onde poida haber ocos para agocharse…)
- Intentar buscalo nos momentos máis tranquilos do día, cando haxa menos xente e menos coches. Chamalo polo seu nome, ou como o chamamos normalmente. Podemos acompañalo do son da bolsa do penso ou dos premios que lle gustan.
- Colocar cerca da casa rastros de cheiro que poidan axudar a que se guíe: o seu areeiro, a bolsa da aspiradora con restos do seu pelo, a súa mantiña…
- A noite é o mellor momento para conseguir que saia do seu agocho, é o seu horario natural, e ademais terá fame e quererá saír a buscar de comer. E cando se fai de noite hai menos ruídos e menos xente pola zona. Levar unha lanterna coa que axudarnos, reflexará os seus ollos e indicaranos onde está.
- Se pola zona hai algunha colonia felina, falar coa asociación ou persoas responsábeis, explicarlles o acontecido e pasarlles unha foto do gato, para que estean pendentes e axuden a buscalo.
3. Prepara un cartel coa foto e os datos do gato para difundir por redes e pegar pola zona.
Os carteis son moi importantes para atopar a un gato perdido. Para difundir polas redes e tamén para pegalos por toda a zona e que a xente saiba que se está buscando ese gato.
O cartel será sinxelo, cunha estrutura similar a esta:
- Unha cabeceira que poña “GATO PERDIDO” ou “BÚSCASE”
- Debaixo, unha ou dúas fotos (mellor se son en cor) do animal. Se temos fotos en distintas posturas, ou nas que se vexa desde distintos perfís, mellor.
- Identificar onde se perdeu, e a data na que se perdeu.
- Explicar datos que poidan axudar a identificar ao gatiño (algunha mancha especial na pelaxe, algunha marca ou ferida, forma do rabo.. calquera cousa que o faga distinto e facilmente identificable)
- Un ou dous números de teléfono de contacto, mellor de teléfono móbil.
Fai copias do cartel, mellor en cor que en branco e negro, para que sexa máis fácil recoñecer o gatiño. Unha vez preparados os carteis, hai que colocalos ben visibles en todos os sitios que sexa posible da zona e arredores: portais, farolas, contedores do lixo, mupis… e tamén os taboleiros de anuncios das clínicas veterinarias ou dos comercios da zona. Pensa en sitios por onde transite moita xente. Canta máis xente saiba que se está buscando o gato, mellor.
Ademais diso, envía o cartel a todas as protectoras que coñezas da zona, pedíndolles que difundan nas súas redes sociais, e fai o mesmo ti, difundindo a través das túas redes. Nalgunhas redes sociais, como Facebook, hai grupos específicos para anunciar animais perdidos. Busca algún da túa zona e envía tamén alí o aviso.
Tamén é importante que o cartel se envíe á policía e/ou Protección Civil, para que teñan a información por se alguén avisa, ou por se o ven. E mesmo se pode poñer o anuncio nos xornais locais.
Importante: se recuperas o teu gato, asegúrate de retirar todos os carteis e avisar a todas as persoas e entidades ás que enviaches o cartel, para que o retiren e deixe de difundirse e de buscarse.
4. Avisar ás protectoras e á policía ou servizo de recollida de animais
As protectoras, os refuxios ou centros de adopción de animais locais, as clínicas veterinarias da zona… é imporante que estean informadas e sobre aviso. Tamén se debe avisar á policía, pasándolles o cartel e á veciñanza da zona: o boca a boca pode axudar moito.
5. Segue buscando, non perdas a esperanza nin a paciencia.
Os primeiros días, o gato pode permanecer escondido porque está asustado, pero cando empece a ter fame acabará saíndo do agocho para buscar de comer, polo que será máis fácil que sexa visto ou atopado.
Non perdas a esperanza e segue buscando, normalmente quedan pola zona na que se perden e acaba adaptándose, por iso é importante tamén que teñas unhas rutinas de busca.